VOLVEN AS REGUEIFA DE CIENCIA: ESTÁ A INDUSTRIA QUÍMICA CREANDO UN MUNDO TÓXICO?
Leonor Parcero
Regueifas de Ciencia para o pensamento crítico, iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela volve en 2021 en modalidade virtual.
A primeira Regueifa desta edición terá lugar este xoves día 28 de xaneiro ás 19.30h e poderá seguirse en Regueifas.org/streaming ou na súa canle de YouTube
A actividade está financiada pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación.
No último século tense dobrado a esperanza de vida da poboación mundial. A contribución da química neste feito é innegable, ao participar na creación de fertilizantes, fármacos, desinfectantes, antibióticos ou novos materiais. En paralelo a este desenvolvemento, prodúcese unha grande exposición das persoas a milleiros de substancias. Para controlar a seguridade de calquera substancia sintetizada en cantidades maiores a unha tonelada ao ano, a Unión Europea creou o mecanismo de rexistro, avaliación, autorización e restrición de substancias químicas (REACH). Porén, existen voces que alertan sobre a ineficacia deste mecanismo, ao non ter en conta efectos cruzados sinérxicos ou unha potencial actividade como disruptores endocrinos a moi baixas concentracións.
Neste contexto, o debate lanza a pregunta de se o desenvolvemento da química está construíndo un mundo mellor ou, pola contra, estamos atentando contra o medio e a nosa propia saúde. Dous equipos, cada un defendendo unha postura diferente, enfrontaranse con tempos pautados e un moderador imparcial (o xornalista científico Manuel Vicente) para que o público acade unha opinión informada sobre este asunto.
Este formato de debate, a modalidade escollida pola organización de Regueifas, coñécese como de tipo Oxford e coas súas regras se teñen celebrado xa doce Regueifas de Ciencia dende 2016, tocando temas tan polémicos como os transxénicos, a enerxía nuclear, a edición xenética en embrións humanos ou o eucalipto. Todos os debates poden verse completos na web www.regueifas.org.
Os equipos
Este xoves catro expertos e expertas debaterán sobre se estamos a crear un mundo tóxico. No equipo do non:
José Manuel López Nicolás, Scientia. Catedrático de bioquímica e bioloxía molecular. Universidad de Murcia
Moisés Canle López, catedrático de química física. Universidade de A Coruña.
No equipo do si:
Dolores Romano Mozo, responsable de políticas de substancias químicas do European Environmental Bureau
Marieta Fernández, Catedrática da Universidad de Granada e investigadora da rede CIBER Epidemología y Salud Pública (CIBERESP)
Este ano Regueifas de Ciencia celebrarase exclusivamente en liña. En todas as edicións anteriores existiu a posibilidade de seguir as Regueifas a través da emisión en directo dende a súa web, mais este ano e debido á situación sanitaria, esta será a única opción para asistir aos debates. A pesar disto, o público de Regueifas poderá realizar as votacións iniciais e finais características de Regueifas e, por suposto, poderá formular aos relatores e relatoras as preguntas que estime oportuno.
Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT, a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología. A súa primeira edición celebrouse en 2016 e todos os debates poden volver a verse en regueifas.org.