Regueifas de Ciencia, debemos priorizar a seguridade fronte á privacidade dixital?
Leonor Parcero
Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), pertencente ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e celebrouse por primeira vez en 2016.
O vindeiro xoves 1 de xuño celebrarase o segundo debate de 2017, no que se tratará de responder á pregunta ?Debemos priorizar a seguridade fronte á privacidade dixital??. O evento comezará ás 20.00h na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e será retransmitido por streaming.
Ao longo de 2017 exporanse, ademais de leste, outros dous debates sobre temas candentes: a edición xenética, a investigación para alongar a vida humana, a eutanasia ou a enerxía nuclear son algún dos asuntos na lista de opcións da organización
Tras o éxito da primeira edición, que reuniu a preto de 1.500 persoas nos eventos en vivo, e do bo arranque en 2017, que volveu encher o auditorio, Regueifas de Ciencia anuncia unha nova cita o día 1 de xuño.
Os avances nas tecnoloxías da información e comunicacións multiplicaron de forma exponencial a nosa capacidade de comunicación e de intercambio de información, modificando de forma radical as dinámicas da sociedade, da nosa vida e da nosa intimidade. Xa non hai distancias nin barreiras, todo está ao noso alcance e xa non hai fronteiras.
Esta situación exponnos dous retos principais: a seguridade e a privacidade.
Como consecuencia da nosa actividade diaria, imos deixando un rastro dixital que pode pór en risco a nosa privacidade (pensemos tamén na biometría, o procesado de imaxe, o big data...). Protexela é esencial, pois diso depende a nosa liberdade.
Doutra banda, as ameazas como o terrorismo imponnos unha serie de medidas, como a vixilancia masiva, necesarias para a prevención destes ou outros ataques contra a nosa integridade, contra a nosa vida.
Ademais, este reto non só se nos expón desde a perspectiva das forzas de seguridade dos estados ou as axencias de intelixencia, tamén está o mercado. As empresas tecnolóxicas ou o sector publicitario teñen un papel tanto ou máis importante neste asunto que os propios gobernos (lembremos, por citar un recente, o caso do iPhone e a FBI).
Como xa nos dixo Bentham, saber que estamos a ser observados ou simplementepensar que podemos estalo afecta o noso comportamento e prívanos da nosa liberdade, porque o vixiante está na nosa cabeza.
En consecuencia, o debate está moi vivo: Existen garantías de privacidade fronte ao estado ou as empresas? Os nosos datos persoais... son nosos? Se a nosa lexislación garante a nosa privacidade, estamos a dar espazo aos criminais? Estamos a ser observados?
Os relatores serán:
- Marta Peirano, xornalista eldiario.es, fundadora de Cryptoparty Berlin e co-directora de COPYFIGHT
- Paloma Llaneza, Avogada especialista en Dereito Tecnolóxico
- Eduardo Casas, Corpo Nacional de Policía, Unidade de Investigación Tecnolóxica
- Alberto Calero, Enxeñeiro de Telecomunicación, A&J Calero e Maven7
Sobre Regueifas de Ciencia
Ao longo de 2016, saltaron ao ring de Regueifas de Ciencia destacadas personalidades de diferentes campos e debateuse sobre transxénicos, o posible cambio de fuso horario para España, experimentación animal en ciencia e mesmo sobre o eterno dilema de se ciencia e fe son compatibles. Algunha das caras máis coñecidas entre os relatores da primeira edición foron Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater ou Fernando Sánchez Dragó.
Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, profesores... logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser fáciles de comprender e sobre os que pode custar situarse.
Esta actividade pretende facilitar esta tarefa. Regueifas de Ciencia son eventos de libre acceso (ata completar aforo), que se retransmiten por streaming e que quedan gravados, facendo posible gozar dos debates á carta desde a páxina web (www.regueifas.org) ou a súa canle de Youtube.
O debate
O estilo destes debates denomínase tipo "Oxford", o que implica que hai dous equipos (neste caso formados por dúas persoas), un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervencións, réplicas e contrarréplicas).
Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que se puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.
Votación electrónica
Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de empezar co debate, pregúntase ao público con cal das dúas posturas está, realizando unha votación electrónica da que non se publica o resultado.
Ao terminar o debate, o moderador repetirá a pregunta, o público volverá responder, publicando esta vez os datos para comparar se houbo cambios de posición na audiencia.