ESTÁ XUSTIFICADO O USO DE ANIMAIS EN EXPERIMENTACIÓN CIENTÍFICA? VOLVE REGUEIFAS DE CIENCIA
Leonor Parcero
- Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT. É un conxunto de debates con estrutura tipo Oxford que se celebran ao longo do ano 2016 na Facultade de Comunicación da USC.
- A primeira “Regueifa” tratou o tema dos transxénicos, a segunda sobre a posibilidade dun cambio de fuso horario para España e agora volve o debate para discutir se está xustificado o uso de animais en experimentación científica. Será o mércores 21 de setembro ás 20.00h.
- O equipo a favor da experimentación animal está formado por Fernando Savater (filósofo) e Emma Sánchez (EARA, Asociación Europea para a Investiagación con Animais). O equipo en contra está formado por Óscar Horta (filósofo, profesor na Universidade de Santiago de Compostela) e Ezequiel Páez (avogado, Centre for Animal Ethics da Universidade Pompeu Fabra).
A experimentación con animais é un tema con moitas caras: científica, moral, ética... E tanto a postura a favor como en contra suscitan polémicas en moitos ámbitos. O debate de Regueifas de Ciencia discute unha vez máis un tema tan controvertido como fundamental, pola implicación que ten nas nosas vidas. A organización agarda que á saída do debate os asistentes poidan ter unha opinión informada, tras ouvir os argumentos e as reflexións das dúas partes.
A postura a favor
A experimentación con animais é unha das prácticas científicas máis polémicas, especialmente se se trata de animais de compaña, coma no caso dos cans. A comunidade científica defende estas prácticas e asegura que existen multitude de controis e normativas para garantir que se utilicen animais só naqueles casos nos que non hai alternativas. Por outra banda, destacan que estas normativas e leis avanzan cada ano cara unha maior protección dos animais, como demostra que sexa ilegal a experimentación animal con fins cosméticos, que os grandes simios non poidan ser usados para investigación ou todas as directivas europeas existentes sobre a materia.
Ademais, aseguran que os animais utilizados son moitos menos dos que o público xeral pode imaxinar. Din que non se pode facer ciencia sen eles, a lo menos mentres os ordenadores non sexan capaces de mimetizar a complexidade dun organismo. A investigación con animais, afirman, tivo un papel fundamental nos descubrementos médicos e veterinarios da últimas décadas: medicamentos, a insulina, transfusións de sangue, vacinas (polio, tuberculose, meninxite, PVH…), probas diagnósticas, cirurxías, os transplantes, próteses, o avance na supervivencia ao cancro…
A postura en contra
Por outra banda, os detractores deste sistema pregúntanse ata qué punto é lícito ou éticamente aceptable levar a cabo experimentos con animais ou se compensa o sufrimento animal a cambio do beneficio humano. Tamén se preguntan se certos experimentos son xustificables: inoculación de virus, descargas eléctricas, privación de comida, intoxicacións, aplicación de sustancias irritantes nos ollos e na pel… Moitas organizacións animalistas sosteñen que históricamente o papel dos experimentos con animais foi esaxerado e que na realidade son pouco fiables, pois a extrapolación a humanos dos resultados obtidos en animais leva a moitos erros.
Afirman que a escolla de animais para experimentar é tan arbitratia coma se se utilizasen persoas dunhas determinadas características físicas, xa que as características son irrelevantes cando se fala do dereito dun ser vivo a non sufrir e gozar da súa vida en liberdade. Asoman tamén as acusacións de que a experimentación animal representa un negocio en si mesmo.
Atopámonos ante dúas posturas claramente enfrontadas. O vindeiro mércores día 21 de setembro veremos como as partes defenden os seus argumentos.