Regueifas de Ciencia pecha a súa primeira edición cun debate sobre ciencia e fe
Leonor Parcero
- Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT. É un conxunto de debates con estrutura tipo Oxford que se celebran ao longo do ano 2016 na Facultade de Comunicación da USC.
- A primeira “Regueifa” tratou o tema dos transxénicos, a segunda sobre a posibilidade dun cambio de fuso horario para España e na terceirase está xustificado o uso de animais en experimentación científica. Este último debate tratará sobre se ciencia e fe son compatibles. Será o xoves 10 de novembro ás 20.00h.
- Un equipo estará formado polo escritor e xornalista Fernando Sánchez Dragó e o físico e teólogo Emili Marlés e o outro polo divulgador e xornalista Antonio Martínez Ron e Juan Ignacio Pérez “Iñako”, coordinador da Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU.
O coñecemento e o sistema científico permitiunos aumentar a nosa esperanza de vida de xeito abraiane, dos 30 anos de media mundial de comezos do século XIX aos 71,4 actuais. Permitiunos incluso pisar a superficie da lúa e descubrir as partículas subatómicas, mais para algúns a ciencia non é capaz de ofrecernos un coñecemento pleno e o mesianismo científico é cego e inhumano e non conseguirá a plena satisfacción do ser humano.
Así, xérase unha dualidade. Para uns de extremos contrarios epara outros complementarios. Por unha banda están as relixións, basadas na fe, as crenzas e a espiritualidade, e por outra a ciencia, racional, escéptica. Son compatibles? Pode a ciencia por si soa explicalo todo? Un maior progreso científico implica o declive da relixión? Poden os científicos profesar algunha fe relixiosa? Hai cabida para a espiritualidade nun mundo no que a ciencia avanza a pasos de xigante? É a ciencia unha nova relixión en si mesma? Son moitas as preguntas que aparecen e complicadas as respostas.
Hai persoas que sosteñen que é posible unha coexistencia de ciencia e relixión e persoas que consideran que son excluíntes. Entre aqueles que pensan que son compatibles, atopamos ao coñecido novelista e xornalista Fernando Sánchez Dragó, que debatirá no mesmo equipo que o sacerdote teólogo e físico Emili Marlés. Nas filas dos contrarios a esta postura temos ao xornalista e divulgador científico Antonio Martínez Ron e a Juan Ignacio Pérez, Iñako, que, entre outras cousas, é coordinador da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco.