Regueifas de Ciencia pechará a tempada 2017 cun debate sobre edición xenética en humanos
Leonor Parcero
“Debemos permitir a modificación xenética en embrións humanos?” é a pregunta de partida do derradeiro debate de Regueifas de Ciencia’17. O debate terá lugar o vindeiro xoves 14 de decembro, ás 20h na Facultade de Comunicación da USC. O evento será retransmitido en streaming
Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), pertencente ao Ministerio de Economía y Competitividad. Celebrouse por primeira vez en 2016
Tras o éxito da primeira edición, que reuniu a preto de 1.500 persoas nos eventos en vivo e de repetir cifras nesta edición de 2017, Regueifas de Ciencia anuncia o que será o derradeiro debate desta tempada: “Debemos permitir a modificación xenética en embrións humanos?”
O tema de debate
Dende que os científicos aprenderon a manexar as ferramentas CRISPR e cortar e pegar anacos de material xenético en calquera célula fíxose mais sinxelo e eficiente, puidéronse modificar con maior seguridade plantas e animais, facer investigación básica xerando modelos de enfermidades que ata o de agora non se podían estudar, desenvolver novos fármacos… mais a aplicación máis esperada desta técnica está no campo da terapia xénica, pois abre un novo horizonte para curar enfermidades para as que ata o momento só existían tratamentos destinados a paliar os seus síntomas.
Un estudo internacional no que participa a Pompeu Fabra, publicado hai apenas uns días, mostra que tres de cada catro persoas aprobarían o uso da edición xenética en adultos con fins terapéuticos.
Porén, a aplicación desta técnica en embrións humanos é máis polémica. Por unha banda, ao modificar a chamada liña xerminal, os cambios introducidos nun individuo transmitiríanse de xeración en xeración e hai unha corrente de opinión que sostén que aínda sería necesaria moita máis investigación para previr e coñecer os posibles riscos de xerar unha nova estirpe humana. Doutra banda, tamén hai voces discordantes que advirten de que esta técnica podería ser utilizada para a mellora das capacidades, o que conduciría a problemas de euxenesia.
E precisamente por todas as posibilidades que ofrece e o grandísimo cambio que podería supoñer, a modificación de embrións humanos é un tema con moitas implicacións científicas, pero tamén éticas. Un tema apaixonante e de actualidade, perfecto para unha Regueifa de Ciencia:
Defenden o si:
- Anna Veiga, do Centro de Medicina Rexenerativa de Barcelona
- Rita Vassena, Directora Científica do Grupo Eugin
Defenden o non:
- Lluís Montoliu, Investigador no Centro Nacional Biotecnoloxía CSIC
- César Nombela, Catedrático de Microbioloxía da Universidade Complutense de Madrid
Os currículos completos dos relatores están aquí
Sobre Regueifas de Ciencia
Ao longo de 2016 e na primeira metade de 2017, saltaron ao ring de Regueifas de Ciencia destacadas personalidades de diferentes campos e debateuse sobre transxénicos, seguridade e privacidade dixital, o posible cambio de fuso horario para España, sobre a relación da alimentación e a industria, experimentación animal en ciencia, a busca da inmortalidade e mesmo sobre o eterno dilema de se ciencia e fe son compatibles. Algunha das caras máis coñecidas entre os relatores que participaron neste proxecto son Abrey DeGrey, Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater, Fernando Sánchez Dragó ou Marta Peirano.
Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, profesores... logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser fáciles de comprender e sobre os que pode custar situarse.
Esta actividade pretende facilitar esta tarefa. Regueifas de Ciencia son eventos de libre acceso (ata completar aforo), que se retransmiten por streaming e que quedan gravados, facendo posible gozar dos debates á carta desde a páxina web (www.regueifas.org) ou a súa canle de Youtube.
O debate
O estilo destes debates denomínase tipo “Oxford”, o que implica que hai dous equipos (neste caso formados por dúas persoas), un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervencións, réplicas e contrarréplicas).
Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que se puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.
Votación electrónica
Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de empezar co debate, pregúntase ao público con cal das dúas posturas está, realizando unha votación electrónica da que non se publica o resultado.
Ao rematar o debate, o moderador repetirá a pregunta, o público volverá responder, publicando esta vez os datos para comparar se houbo cambios de posición na audiencia.